Saturday 04 de May de 2024

Cheo total en Boqueixón na presentación do conto infantil “Lupiña e o seu bosque máxico”, de Raquel Sánchez Mella


O conto foi editado polo Concello de Boqueixón en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística

O alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, presidiu a presentación do conto infantil “Lupiña e o seu bosque máxico”, que tivo lugar na tarde/noite do venres no Centro de Interpretación do Pico Sacro en Cachosenande (Lestedo). Un acto no que estivo acompañado pola autora, Raquel Sánchez Mella, veciña de Lestedo, e por Gabriel Iglesias Sanmartín, ilustrador do libro.

Diante dun público conformado por Manuel Fernández Munín destacou da autora que “é veciña de Lestedo que, despois duns anos vivindo fora, deuse conta de que como na casa, en ningures. Foi técnica de Turismo en Boqueixón e, como boa veciña de Lestedo, coñece de primeira man as ledas e tradicións do Pico, da Raíña Lupa e de Boqueixón en xeral. E, ademais, gústalle contalas”.

Fernández Munín destacou que o libro foi editado polo Concello de Boqueixón, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, e que se suma outros libros editados polo Concello sobre esta mesma temática como “A cova do Pico Sacro: en el interior de la compostelana montaña de cuarzo”, do ano 2004. “É o bo que ten a literatura, que hai unha gran variedade de estilos e ten unha gran diversidade de públicos. Se aquel libro de 2004 era un tratado dirixido máis a historiadores, hoxe presentamos un conto para nenos”, apuntou o alcalde boqueixanés.

Achegar a lenda ao público infantil

Pola súa banda, Raquel Sánchez Mella, explicou que nacera “a uns metros deste lugar e sempre me gustaron Lestedo e o Pico Sacro, por onde xogaba cando nena. Ademais, cando estaba un pouco enfadaba, tiraba para o Pico e, entre o aire e a subida, de seguido che pasada o enfado e pasábache todo”. Así mesmo, contou aos presentes que o libro xurdira “cando empecei a traballar no Departamento de Turismo de Boqueixón viñan moitos escolares e nos planeamos como podiamos contar a estes nenos o mito da Raíña Lupa, de como chegou aquí… e decidimos crear un conto, algo que fose máis doado de contar. E así naceu Lupiña e o seu bosque máxico”.

Así mesmo, explicou o por que dos nomes das personaxes principais da historia, canda Lupiña e os mouros do Pico Sacro: o dragón Ilicino (nome polo que tamén se coñece ao Pico Sacro) e os bois Sebastián e Lourenzo (pola Capela de San Sebastián a pé do Pico e pola próxima parroquia de San Lourenzo da Granxa). Finalmente, Sánchez Mella destacou que “ao final do libro hai unha unidade didáctica para que os pequenos repasen o que aprendan da Raíña Lupa e do Pico Sacro”.

Sánchez Mella deu paso a unha actuación de Trémola Teatro, que puxo en escena unha divertida representación do seu conto e que conectou moitísimo coa trintenta de rapaces e rapazas presentes no Centro de Interpretación do Pico Sacro, xa que non puido ter lugar no xardín polo mal tempo. O acto rematou coa entrega de exemplares a todas as persoas asistentes e a sinatura de exemplares por parte de Raquel Sánchez Mella e Gabriel Iglesias Sanmartín quen, se ben non dixo palabra en todo o acto, no momento das sinaturas fixo toda clase de debuxos para os nenos e nenas.

Esta presentación é o primeiro acto do ciclo “Un mes e pico”, que organiza o Concello de Boqueixón. A próxima cita terá lugar o domingo 4 de xuño, ás 19:00 horas, na Capela de San Sebastián do Pico Sacro coa conferencia “O Pico Sacro nos primeiros escritos xacobeos”. O poñente será Francisco Javier Buide del Real, sacerdote diocesano de Santiago desde 2001, cura das parroquias de Boqueixón, Codeso e Oural, e director do Arquivo da Catedral de Santiago e coengo arquiveiro.